Saltar ao contido

Tui obtén o respaldo de Europa e redacta a súa Axenda Urbana

  • Novas

Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España apostan por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana

O concello de Tui inicia a redacción da súa Axenda Urbana, documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos. Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.

O alcalde Enrique Cabaleiro explica a importancia de ter acadado este apoio que “permite avaliar e deseñar as accións para que Tui camiñe hacia un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario”.

Dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana. A través dos fondos Next Generation Tui planificará os vindeiros dez anos en liña con dez obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).

Ordenar e protexer o territorio, revitalizar a cidade, favorecer a economía circular e realizar un aproveitamento axeitado dos recursos, promover a proximidade e a mobilidade sostible, fomentar a cohesión social e impulsar a economía da cidade, innovación dixital e boa gobernanza son as liñas de traballo nas que se enmarca o deseño do futuro de Tui.

A súa ubicación xeográfica, o seu patrimonio histórico e natural, o seu peso nas relacións internacionais con Valença e o traballo realizado a través da Eurocidade, a adhesión ao ÁGORA e o proceso de revitalización da cidade histórica a través do REXURBE foron claves para que Tui obtivera a confianza do goberno do Estado e de Europa. Agora Tui redacta unha planificación que será exemplo a seguir polo resto das vilas de características similares.

“Unha Axenda Urbana debe concretar liñas de actuación que rexerán o desenvolvemento futuro do municipio cara a sustentabilidade económica, social e medioambiental. Este Plan de Acción debe ser consensuado entre todos e todas e abarca todo o concello, dende as parroquias ao centro urbano”, engade o alcalde.

O equipo redactor iniciou un proceso de participación que contempla encontros con todos os voceiros/as dos grupos da Corporación e representantes de colectivos e asociacións tanto no centro como no rural para coñecer de primeira man as principais fortalezas e eivas de Tui. O primeiro paso desta Axenda Urbana é realizar unha análise profunda da situación actual para emitir un diagnóstico que dará paso á redacción do plan de acción.

As primeiras reunións arrincaron esta semana con técnicos municipais e con todos os/as voceiro/as da Corporación. Para a semana o proceso participativo iniciará o seu percorrido polas parroquias citando ás comunidades de montes en man común e colectivos veciñais e medio ambientais.

“A Axenda Urbana non é un documento político, é a estratexia de futuro e por iso é imprescindible que se realice unha análise, que se faga unha consulta, que se planifique con criterios técnicos e se redacte un documento consensuado”, conclúe o alcalde.