Saltar ao contido

Terceiro reto da Axenda Urbana de Tui: Dinamización Económica

  • Novas

Creación dun polo internacional de dinamización económica

O terceiro reto da Axenda Urbana de Tui aposta pola creación dun polo internacional de dinamización económica. Moi ligado ás actuacións medioambientais e de mobilidade de carácter territorial e ás propostas de revitalización da cidade histórica, unha das principais referencias de Tui é a súa ponte internacional.

Unha ponte que durante anos foi a fronteira que separaba dous países e que hoxe pretende ser exemplo de cohesión transfronteiriza, mediante a dinamización de toda a área. Deste xeito, reforzaríase un nodo de actividade que quedaría a apenas dez minutos camiñando do centro de Tui, pero tamén do centro de Valença e da área comercial de Areas.

A importancia territorial deste enclave permitiríalle a Tui recuperar o seu papel principal como lugar transfronteirizo e ubicar un espazo de innovación económica de carácter internacional que conte con todas as infraestruturas e servizos necesarios, comezando por un área de intercambio modal de transporte que permitise a chegada do vehíulo privado, pero tamén das autocaravanas, dos autobuses e, incluso, do tren de proximidade. A partir deste punto poderían iniciarse percorridos en barco, en bicicleta, patinete ou incluso a pé, para o que se propón a recuperación da entrada á cidade polo camiño de Santiago.

Impulsar un novo referente de actividade económica, ligado á innovación, permitirá reactivar a zona, pero sobre todo significará a oportunidade de crear un verdadeiro lugar de colaboración, impulsando aos visitantes a compartir espazos con residentes e traballadores, e permanacer máis tempo na eurocidade.

Un conxunto de actuacións para a que se prevé a obtención de fondos durante os vindeiros anos que promoverá o desenvolvemento da cidade e permitirá que Tui reforce o seu papel de centralidade territorial, a nivel comarcal e internacional, mellorando a súa cidade histórica así como os seus accesos, e que porá en valor os espazos medioambientais, fomentando a conexión territorial e os servizos no conxunto das parroquias. Axenda Urbana Tui Internacional.