Saltar ao contido

O primeiro reto da Axenda Urbana de Tui: A cohesión territorial (vídeo)

Mellora dos servizos e conexión coas parroquias

O primeiro reto que propón a Axenda Urbana de Tui é a sua cohesión territorial e a mellora dos servizos e conexión coas parroquias. Para conseguilo, Tui apoiarase nos seus recursos naturais e patrimoniais para que todo o concello poida ter un xeito de vida máis sostible e saudable, mellorando a oferta de servizos existentes nas parroquias, repensando a mobilidade e os espazos de encontro en cada núcleo e aproveitando os espazos produtivos agrícolas e forestais que existen en todo o territorio.

Proponse a transformación dos espazos centrais en cada parroquia, de maneira que poidan acoller maior actividade e sexan un espazo de convivencia para a veciñanza. En paralelo, proxéctase a mellora da eficiencia enerxética dos edificios de titularidade municipal e poder renovalos, tamén, interiormente e ter novos usos ao longo de todo o ano.

A mellora da mobilidade plantéxase tanto no estudo de alternativas ao transporte privado –xa ben sexa con autobuses ou transporte a demanda- como coa recuperación de camiños tradicionais para conectar as parroquias entre elas e co centro urbano, nalgúns casos xa de vital importancia, como no paso do Camiño de Santiago polo concello.

Nesta liña, a recuperación dos cauces fluviais será relevante, xa que vai combinar a mobilidade cotiá coa posibilidade de realizar actividades deportivas ou acoller visitantes interesados na natureza. A riqueza visual e natural do río Miño e a conexión co conxunto do territorio, en especial co Monte Aloia, garante o interés nestas actuacións.

Por último, a nivel de todo o concello, sen esquecer o rural, apóstase polo desenvolvemento de programas de apoio para a vivenda pública, que sexa capaz de asentar poboación, en especial á mais nova, a prezos asequibles, e o desenvolvemento de iniciativas de apoio ao aproveitamento forestal e, sobre todo, agrícola, considerando as excepcionais condicións medioambientais de Tui.