Saltar ao contido

O monte como valor, o apoio ás escolas do rural, as conexións seguras a pé e a contaminación acústica e lumínica son algunhas das cuestións que preocupan a Areas e Pexegueiro

  • Novas

A última mesa de traballo da Axenda Urbana de Tui coas parroquias celebrouse na casa cultural de Pexegueiro donde asociacións culturais e comunidades de montes en man común conversaron arredor das súas inquedanzas

O equipo da Axenda Urbana pechou os encontros de traballo nas parroquias coa mesa celebrada en Areas e Pexegueiro. A casa cultural de Pexegueiro foi o escenario dunha das partes máis importantes do proceso de participación da Axenda Urbana, o diálogo coa veciñanza.

Asociacións culturais das dúas parroquias e comunidades de montes veciñais en man común volveron a por enriba da mesa a carencia dun servizo público de transporte que os conecte co centro urbano, co resto das parroquias, coa veciña de Valença e co resto das vilas e cidades da área metropolitana de Vigo. Outra das demandas comúns foi a mala conectividade, pero esta vez, de internet e a invasión das ondas telefónicas de Portugal.

Ámbalas dúas parroquias amosaron a súa preocupación pola falta de acceso a pé á zona do centro comercial en Areas e a dificultade de transitar dun xeito seguro tanto para os peóns como para os ciclistas ou mesmo para os usuarios de tractores agrarios facendo especial fincapé en que as novas infraestruturas viarias parten os barrios en dous e dificultan o acceso ás súas propiedades. Tamén trasladaron o seu interese pola creación de camiños escolares seguros e propuxeron a recuperación de camiños tradicionais.

Sen saír desa contorna, as directivas trasladaron os problemas de contaminación acústica pola proximidade da autovía e tamén de contaminación lumínica ao estar preto das gasolineiras.

A legalización das traídas de augas veciñais e a dificultade de tramitar co organismo responsable foi outro dos asuntos que quixeron visibilizar suliñando a importancia de poder tramitar e xestionar coa administración dun xeito máis sinxelo e rápido.
Areas e Pexegueiro salientaron a importancia dos colexios nas parroquias como motor social e solicitaron apoios para ofrecer servizos que faciliten a conciliación familiar e laboral.

Ademais, adiantáronlle ao equipo da Axenda Urbana de Tui un dos proxectos nos que lle gustaría traballar e contar co apoio das administracións para desenvolvelo, unha ruta pedestre circular que poña en valor o patrimonio etnográfico de Areas, Malvas, Pexegueiro e Randufe.

Tamén conversaron sobre a protección do monte, da rede de vixilantes voluntarios cos que contan, do investimento que realizan para coidar do seu monte, do viveiro forestal e avaliaron de xeito positivo a potenciación da biomasa non só como recurso enerxético, tamén como motor económico co aproveitamento da masa forestal da súa contorna.

Achegar a oferta cultural ás parroquias e fomentar o achegamento dos e das residentes no centro urbano ás actividades das parroquias foi outra das cuestións comentadas na mesa de traballo.

A Axenda Urbana de Tui, no seu proceso de participación reuníuse coas directivas das asociacións e colectivos das dez parroquias e da entidade local menor de Pazos de Reis.

Co proceso de participación e a diagnose, o concello de Tui continúa a redacción da súa Axenda Urbana, documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos. Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.

O obxectivo do proceso participativo é redactar unha estratexia consensuada que marque dun xeito estudado e planificado o crecemento de Tui nos vindeiros dez anos.

O proceso de participación realizou tamén encontros con todos os voceiros/as dos grupos da Corporación, técnicos municipais e organizacións vencelladas xeográfica e políticamente con Tui.

Tui camiñará hacia un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos europeos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).

O alcalde Enrique Cabaleiro lembra que dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.