Saltar ao contido

A conectividade, a mellora das estradas e o deseño das infraestruturas viarias preocupan a Malvas e Randufe

  • Novas

Asociacións e colectivos das parroquias de Malvas e Randufer expoñen ao equipo da Axenda Urbana de Tui as súas principais inquedanzas

As directivas das principais asociacións e colectivos das parroquias de Malvas e Randufe responderon á convocatoria do equipo da Axenda Urbana de Tui e mantiveron un produtivo encontro de traballo no que expuxeron as súas principais necesidades e aportaron proxectos de futuro.

As directivas das comunidades de montes das dúas parroquias, asociacións culturais e “Os Muiñeiros do Tripes” participaron na mesa de traballo que o equipo de Axenda Urbana está realizando con todas as parroquias de Tui.

Os representantes da parroquia de Malvas urxiron ás administracións no inmediato arranxo da estrada que os conecta con Tui e unha solución tecnolóxica óptima que lles permita conectarse á rede. O acceso a internet e o mal estado da estrada son as principais necesidades que dende hai anos leva reclamando esta parroquia. A falta de saneamento en Sambade engádese tamén ás principais reclamacións.

Pola súa banda, Randufe manifestou a súa preocupación polas novas infraestruturas viarias que fraccionan o territorio deixándoo desconectado sen contemplar, segundo os colectivos, pasos a pé que conecten os barrios. A modo de exemplo citaron o acceso ás Bornetas e a case imposibilidade de chegar a pé ao Outlet dun xeito seguro. Tamén recordaron que dende hai anos os fogares que se atopan nas inmediacións da autovía padecen unha intensa contaminación acústica e reclaman a protección solicitada dende hai tempo.

A preocupación pola conservación e mantemento do patrimonio etnográfico e natural é unha das demandas das dúas parroquias que suxiren un plan de recuperación de camiños tradicionais acompañado dunha posta en valor do patrimonio etnográfico que contemple unha cobertura de mantemento.

A falla de transporte tamén foi un dos puntos de conversa ademáis da necesidade dunha relación coas distintas administracións máis áxil e sinxela.

A Axenda Urbana de Tui avanza no seu proceso de participación que recalará mañá martes día 5 nas parroquia de Areas e Pexegueiro.

Ademais, o equipo a Axenda Urbana convoca ás directivas das asociacións, colectivos e clubs de Tui a unha mesa de traballo o mércores 6 ás 20 horas no salón de plenos da Casa do Concello.

Co proceso de participación e a diagnose, o concello de Tui continúa a redacción da súa Axenda Urbana, documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos. Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.

O obxectivo do proceso participativo é redactar unha estratexia consensuada que marque dun xeito estudado e planificado o crecemento de Tui nos vindeiros dez anos.

O proceso de participación realizou tamén encontros con todos os voceiros/as dos grupos da Corporación, técnicos municipais e organizacións vencelladas xeográfica e políticamente con Tui. O primeiro paso desta Axenda Urbana é realizar unha análise profunda da situación actual para emitir unha diagnose que dará paso á redacción do plan de acción.

Tui camiñará hacia un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).

O alcalde Enrique Cabaleiro lembra que dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.