Saltar ao contido

A Axenda Urbana de Tui convoca ás directivas das asociacións e colectivos
á presentación da diagnose da cidade

  • Novas

O alcalde Enrique Cabaleiro informa que se pecha o proceso participativo e comeza a redacción do plan de acción da Axenda Urbana de Tui, estratexia que marcará o crecemento da cidade nos vindeiros dez anos

A Axenda Urbana de Tui pechou o seu proceso participativo e convoca ás directivas de asociacións, colectivos, comunidades de montes e clubs deportivos á presentación do informe de diagnose que terá lugar o mércores 20 de xullo ás 20:30 horas no salón de plenos da Casa do Concello.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, informa que nos últimos meses o equipo de redacción da Axenda Urbana de Tui mantivo reunións coas asociacións e colectivos tanto das parroquias como do centro urbano para realizar unha análise DAFO na que recoller a visión da veciñanza das eivas e fortalezas da súa cidade.

O proceso de participación contemplou tamén, entrevistas individuais con tódolos voceiros e voceiras dos grupos da Corporación, con técnicos municipais e con distintas persoas vencelladas profesionalmente ou culturalmente con Tui.

Ademais, realizáronse enquisas telefónicas estatisticamente representativa por cotas de idade, sexo e lugar de residencia (parroquias e centro urbano); unha enquisa que preservou a identidade das persoas.

Na páxina web da Axenda Urbana de Tui, tamén se recolleu o parecer da cidadanía e das persoas que nos visitan e interactúan coa cidade a través dun cuestionario breve no que se pedíu a opinión das persoas sobre diferentes aspectos.
Principais eivas e fortalezas, fomento do comercio, proxectos industriais, emprego, conectividade, xestión de recursos, políticas sociais e acceso a vivendas, foron algúns dos temas dos que se puido opinar.

“Participar é un xesto de responsabilidade e de compromiso co futuro da nosa cidade, por iso agradecemos moito a colaboración de todas as persoas que asistiron ás mesas de traballo, que responderon a enquisa ou que responderon por teléfono ofrecéndonos o seu parecer e aportando ideas e mesmo críticas construtivas que nós como xestores debemos recoller e analizar”, explica Enrique Cabaleiro.

Agora toca presentar ás persoas colaboradoras o informe de diagnose no que se recolle todo o traballo realizado e se sintetizan as principais riquezas e debilidades, as necesidades e os desexos.

“O proceso de redacción da Axenda Urbana baséase na participación, na análise profunda da situación actual en tódolos eidos, económico, social, medioambiental… para partir dun punto o máis real posible e deseñar dun xeito consensuado un futuro planificado e ordenado, respectuoso coa nosa contorna e na que os nosos recursos sexan o elemento diferenciador e o motor de crecemento”, engade o alcalde.

Cabaleiro quere recordar que a Axenda Urbana non é un documento político, é unha estratexia que recollerá o crecemento sostible de Tui a dez anos e indispensable para poder optar ás axudas dos fondos europeos Next Generation.

Ademais, informa que está a disposición da cidadanía unha páxina web propia da estratexia na que se poderá ir consultando as novidades e avances sobre a mesma. No sitio web https://axendaurbanatui.gal/

Dentro deste proceso de participación tamén se deu voz á veciñanza nun programa radiofónico semanal que fai un seguemento do día a día do proceso da Axenda Urbana de Tui e que se emite cada mércores arredor das 12:30 horas.

Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.

Tui camiñará hacia un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).

Dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.