O proceso participativo da Axenda Urbana de Tui chega aos centros escolares públicos para recoller as inquedanzas dos máis pequenos e pequenas do concello. Un cine, pistas deportivas, unha feira de anime e máis sendas con arborado son algunhas das propostas do alumando do CEIP nº2 de Tui para a Axenda Urbana
O proceso participativo da Axenda Urbana de Tui chega aos centros educativos públicos para reunirse co alumnado e escoitar de primeira man as súas inquedanzas e propostas. O primeiro centro en recibir ao equipo da Axenda Urbana de Tui foi o de cuarto de primaria do CEIP Nº2 de Tui.
O alumnado de 4ºA, 4ºB e 4ºC coñeceu o concepto e principios da Axenda Urbana Española e achegouse aos obxectivos que Europa e España queren acadar nos vindeiros dez anos. Divididos en grupos afondaron no coñecemento do ODS 11 (Obxectivo de Desenvolvemento Sostible) que baixo o título “Cidades e Comunidades Sostibles” organiza o crecemento dos concellos en base a dez principios: ordenar o terriorio e facer un uso racional do solo; evitar a dispersión urbana e revitalizar a cidade existente; previr e reducir os efectos do cambio climático; facer unha xestión sostible dos recursos e favorecer a economía circular; favorecer a proximidade e a mobilidade sostible, fomentar a cohesión e buscar a equidade, impulsar e favorecer a economía urbana; garantir o acceso á vivenda; liderar e fomentar a innovación dixital e mellorar os instrumentos de intervención e a gobernanza.
O alumnado de cuarto de primaria acadou con sobresaínte os obxectivos e, despois de achegarse a estes termos, propuxo unha listaxe de desexos para que a Axenda Urbana de Tui contemple. Un cine, unha fonte pública na Corredeira, pistas deportivas no centro urbano, máis árbores e mellora tanto da estética como da seguridade na avenida da Concordia, máis sendas que conecten o centro coas parroquias pola beira do Miño, un camiño para ir en bici a Portugal, un centro no que reunirse para estudar e xogar on line e unha estación de bicis de aluguer foron as propostas máis repetidas. A estas, hai que sumarlle a demanda dunha feira de anime, un parque con alugueiro de patinetes e o parque acuático e de atraccións. Pero ademais tamén pediron unha casa nunha árbore, un inchable xigante, unha gamestore e unha fábrica de chuches con obradoiro para os máis pequenos e pequenas.
Nada pasa desapercibido para a súa ollada e tiveron presente aos que teñen máis dificultades pedindo rampas para as cadeiras de rodas, máis investigación para frear a COVID, fontes ao longo do camiño para os peregrinos, menos canceiras e máis refuxios e concienciación no trato e coidado dos animais.
O profesorado tamén tivo ocasión de trasladarlle as súas ganas de participar solicitando máis actividades nas que o alumnado interactúe co resto da vila e amosando as súas ganas de ver revitalizado o casco histórico.
En definitiva, o alumnado de Tui concorda coa Unión Europea e o goberno de España en que ten que haber máis espazos seguros para camiñar, para ir en bici, para a práctica deportiva e para conectar as parroquias, o centro urbano e Portugal. Tamén deseñan un futuro con máis árbores, con mellor accesibilidade, con servizos de alugueiro para compartir bicis e patinetes, con fontes públicas e con moito respecto aos animais e á natureza.
A Axenda Urbana de Tui é un documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos. Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.
Co obxectivo de redactar unha estratexia consensuada, parte do equipo redactor reúnese ao longo destes meses coas asociacións e colectivos veciñais, sociais e comerciais de todo o concello así como escolares e tamén a mocidade dos institutos de secundaria.
Tui camiñará hacia un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).
Dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana. Polas súas fortalezas e posicionamento estratéxico Tui é unha das vilas seleccionadas por Europa para redactar o seu proxecto piloto e servir de exemplo ao resto das cidades de España e Europa.