Saltar ao contido

Tui expuxo o seu proxecto de futuro na xornada “As Axendas Urbanas nos municipios galegos de menos de 20.000 habitantes” celebrada en As Pontes

  • Novas

O alcalde Enrique Cabaleiro presentou os principais retos que abordará a Axenda Urbana nos vindeiros dez anos

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, presentou o proceso de redacción da Axenda Urbana na xornada “As Axendas Urbanas nos municipios galegos de menos de 20.000 habitantes” celebrada no día de hoxe no concello coruñés de As Pontes.

A xornada foi aberta pola subdirectora xeral adxunta de Políticas Urbanas do Ministerio de Transporte, Movilidad y Agenda Urbana (MITMA), Sonia Hernández, e contou coa participación do director xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administracións Públicas da Xunta de Galicia, Ángel Luis Tarrío, e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; ademais dos alcaldes de As Pontes, Valentín G. Formoso e de Paradela, José Manuel Mato.

Na xornada o alcalde Enrique Cabaleiro adiantou os tres grandes retos que afrontará Tui coa súa Axenda Urbana. Por un lado Tui apostará pola revitalización da cidade histórica e a súa contorna con accións de dinamización e modernización do comercio, humanizacións do centro urbano, melloras de accesibilidade, impulso da vivenda social, creación de bolsas de vivenda, fomento do emprego, recuperación de edificios municipais e melloras de eficiencia enerxética, entre outras moitas accións como a implantación da Smart City ou o impulso da economía de coidados. Outro dos retos de Tui é traballar no reequilibrio territorial a través da mellora de servizos nas parroquias e a protección medioambiental conectando os ríos co Aloia creando eixos verdes e fomentando os usos agrícolas aproveitando a fertilidade das terras de Tui. O reforzo do papel transfronteirizo dende a innovación económica é o terceiro dos retos apostando por un espazo intermodal de intercambio internacional de todo tipo de transportes, promovendo e fortalecendo as relacións socio-económicas con Valença e norte de Portugal e posicionándose como referente da innovación como motor económico.

Cabaleiro destacou a singularidade de Tui que como concello cabeceira de comarca debe planificar para un conxunto de poboación que vai moito máis alá do seu territorio dando servizos e sendo referente dos concellos da contorna e do outro lado da Raia.

Pola súa riqueza histórica e patrimonial, por ser un referente a nivel turístico e pola súa situación xeográfica, o Concello de Tui é un punto estratéxico que debe medrar planificando non só para a mellora do día a día da súa cidadanía, tamén para acoller á toda a poboación que no seu día a día interactúa coa cidade e para aqueles que a visitan.