Saltar ao contido

Segundo reto da Axenda Urbana de Tui: Revitalización da Cidade Histórica (vídeo)

Mellora dos espazos públicos do centro urbano

O segundo reto da Axenda Urbana de Tui céntrase na Revitalización da cidade histórica, así como a mellora dos espazos públicos do centro urbano.

A cidade medieval de Tui é o espazo de maior valor patrimonial do concello e atrae a milleiros de visitantes cada ano. As actuacións que se contemplan no Plan de Acción están aliñadas co Plan Rexurbe, de xeito que ambas iniciativas se reforcen e permitan revitalizar o centro histórico con nova vivenda pública, coa mellora dos equipamentos existentes, co reforzo da actividade económica e con políticas inclusivas, de apoio á mocidade e ás persoas maiores.

Con esa fin tamén resulta esencial actuar na marxe fluvial para mellorar a accesibilidade á cidade histórica e permitir dinamizar a zona baixa. Para isto, prevense intervencións nas prazas existentes incorporando vexetación, e no Teatro Principal, que terá novos usos ligados ás actuais necesidades da veciñanza.

18. Imaxes antigas da Corredera, da situación actual e do novo proxecto en vídeo.

19. Imaxes da situación actual e do novo proxecto en vídeo de rúa Besada

20. Imaxes da situación actual e do novo proxecto en vídeo do parking

rúas CASAL ABOY, LUGO, GONZÁLEZ BESADA, COMPOSTELA Doutra banda seguirase a actuar na corredera, para a que se propón recuperar a súa imaxe previa, cunha dobre ringleira de árbores e espazos para as persoas, aínda que mantendo o tráfico de necesidade que resulte imprescindible.

A transformación verde do centro de Tui será especialmente relevante na zona nova, comezando pola mellora da Rúa Augusto González Besada, e continuando polas rúas Lugo, Compostela e Casal Aboy para rematar coa transformación do solar posterior á área panorámica, para o que se mantén a idea dun parking soterrado, incidindo nun axeitado tratamento de superficie que permita crear unha nova zona verde urbana.

Estas actuacións virán acompañadas polo soterramento dun tramo da vía do tren, como se ten acordado con ADIF, o que permitirá crear unha alternativa á circulación vial do centro urbano, e que rematará nas proximidades do edificio dotacional de Cam-fram, para o que se prevé abrir un proceso participativo e definir de xeito colectivo os seus usos.