Saltar ao contido

O alcalde de Tui participa en Madrid na sinatura do protocolo da Agenda Urbana Española

  • Novas

No acto, presidido pola ministra de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Raquel Sánchez; destacouse o importante papel das administracións locais para resolver os retos globais

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, participou onte en Madrid no acto de sinaturas do protocolo de actuación para a elaboración dos plans de acción da Axenda Urbana Española. Presidido pola ministra de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Raquel Sánchez, no encontro asináronse 81 protocolos de actuación, no marco, na súa gran maioría, do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). No evento, a ministra estivo acompañada polo secretario xeral de Axenda Urbana e Vivenda, David Lucas, e os representantes do Principado de Asturias, os 72 municipios, as cinco deputacións, a agrupación de municipios, a mancomunidade e o Consell asinantes.

Enrique Cabaleiro destacou a importancia que ten para a cidade ter obtido a confianza do Estado e de Europa para desenvolver a súa estratexia de futuro, símbolo da relevancia da cidade de Tui nas relacións internacionais non só pola súa ubicación estrátexica, tamén pola súa riqueza histórica e comercial e por ser un punto de referencia para toda unha comarca. “Tui posiciónase, unha vez máis, nun lugar destacado formando parte dos 121 concellos seleccionados e tendo a responsabilidade de planificar dun xeito consensuado e sustentable contemplando sempre, ademais, un crecemento irmandado co outro lado da Raia. A cidadanía de Tui será prioritaria pero, polo noso papel de cabeceira de comarca e estreita relación internacional con Portugal, debemos sempre planificar tendo en conta un territorio moito máis amplo e de xeito transversal”.

No acto, a ministra Raquel Sánchez reivindicou o papel da Axenda Urbana como unha ferramenta de planificación estratéxica que mellora a colaboración e coordinación entre administracións e que favorece unha maior coherencia das políticas públicas que inciden no territorio e afectan de maneira directa á calidade de vida da cidadanía, viva onde viva.
Así mesmo, defendeu que esta nova forma de concibir as Políticas Urbanas anima a mirar aos pobos e as cidades dunha maneira máis transversal e integrada. Para a ministra, a Axenda Urbana é unha guía de actuación que traslada ao local retos globais como a mitigación do cambio climático, a eficiencia enerxética, ou a loita contra as desigualdades sociais e económicas; á vez que é o mellor instrumento para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030.
“Todos os retos globais téñense que resolver sempre desde o local”, defendeu, para despois incidir en que Mitma é “o Ministerio da Cidades”.

Axudas europeas
Todas as entidades locais, menos sete, asinan os protocolos como parte dos compromisos adquiridos como beneficiarios das axudas europeas de 20 millóns de euros para a elaboración dos proxectos piloto de Plans de Acción Local da Axenda Urbana Española, incluídas no compoñente 2 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).

Así mesmo, recoñeceu o importante esforzo que as entidades locais teñen realizado para cumprir cos prazos da convocatoria e coas esixencias do PRTR e os fondos europeos NextGenerationEU.

A ministra valorou o mérito e calidade de moitas das Axendas e Plans de acción que se están presentando durante estes días, tales como Axendas Rurais e Urbanas de municipios grandes e pequenos, de Deputacións, de Asociacións e Agrupacións con intereses comúns e necesidades compartidas. De feito, trasladoulles o parabén polo seu traballo e salientou o compromiso do Ministerio de seguir acompañándoos no proceso da súa posta en marcha.

O acto, celebrado na sede do Ministerio, comezou coa firma do Protocolo entre Mitma e o Principado de Asturias, a continuación, procedeuse á firma dos protocolos entre o Ministerio e as Entidades Locais que foron identificados como Proxectos piloto pola singularidade da súa proposta, a súa calidade ou a súa singularidade para servir de inspiración para que outras entidades poidan elaborar os seus propios plans, no marco das axudas europeas para a elaboración de Plans de Acción Local da Axenda Urbana Española ou fóra del.
Na súa intervención para clausurar o acto, a ministra destacou o papel protagonista das cidades e pobos ante os grandes desafíos ambientais, económicos e sociais para avanzar cara a un novo modelo máis xusto, equitativo e sostible.
Neste contexto, a responsable de Mitma reivindicou a implantación da Axenda Urbana, así como políticas e deseños urbanos que coloquen ás persoas e ao medio ambiente no centro das súas prioridades para mellorar a calidade de vida, reducir o dispendio enerxético e elevar a eficiencia na xestión dos residuos, entre outras cuestións.

Pode ver o vídeo aquí