Transporte que conecte ás parroquias co centro urbano e coas cidades da área metropolitana, patinetes e bicicletas de aluguer para desprazarse dende a súa cidade a Valença, un cine, participar e facer deporte son as principais demandas do alumnado do IES Indalecio Pérez Tizón e do IES San Paio
“Poder movernos sen ter que depender de que as nosas familias nos poidan desprazar no coche”, esta é unha das demandas principais da mocidade dos institutos de ensinanza secundaria de Tui. O equipo da Axenda Urbana reuníuse no día de hoxe co alumnado do IES Indalecio Pérez Tizón e co do IES San Paio de Tui. Todos e todas elas coincidiron na necesidade de desprazarse ás súas actividades de xeito independente. Bicicleta, patinete e transporte público son os medios nos que a mocidade estaría disposta a moverse no seu día a día “para practicar deporte, para ir á praia, para ir aos centros de formación da área metropolitana…”
Compartir é outra das palabras que máis se repetíu ao longo das reunións, compartir patinetes, compartir bicicletas e compartir servizos tanto das parroquias como de Valença. O IES San Paio de Tui puña enriba da mesa “unha estación na que intercambiar autobús e trens con Portugal e na que poder coller e deixar patinetes e bicicletas. En definitiva, fluir con liberdade e seguridade.
Ademais, solicitaron máis pistas deportivas e un lugar de encontro polivalente que albergue un espazo diferenciado para a infancia e para a mocidade no que atopar pistas deportivas, zona de estudo pero tamén espazo para a conversa, para quedar cando chove e para xogar on line.
Metidos en debate tamén analizaron o enfoque turístico da súa cidade e demandaron potenciar as augas termais de Caldelas, o río, as actividades acuáticas e o conxunto histórico do que se sinten orgullosos pero no que non atopan nada que facer.
Pola súa banda, o alumnado do IES Indalecio Pérez Tizón, ademais de concordar coas demandas anteriores, engadíu a necesidade de coidar dos ríos e frear a invasión das potencias de sinais da rede portuguesa que dificulta a conexión telefónica.
Alumnado de ambos centros recoñecen que non existe unha interacción coa casa da Xuventude e que os horarios de mañá deberían mudarse pola apertura en fin de semana.
A mocidade de Tui achegouse ás dez premisas do obxectivo 11 dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) “Cidades e Comunidades Sostibles” arredor do que traballarán as axendas urbanas dos concellos seleccionados por Europa.
A Axenda Urbana de Tui é un documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos. Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.
Co obxectivo de redactar unha estratexia consensuada, parte do equipo redactor reúnese ao longo destes meses coas asociacións e colectivos veciñais, sociais e comerciais de todo o concello así como cos escolares e tamén coa mocidade dos institutos de secundaria.
Tui camiñará hacia un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).
Dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana. Polas súas fortalezas e posicionamento estratéxico Tui é unha das vilas seleccionadas por Europa para redactar o seu proxecto piloto e servir de exemplo ao resto das cidades de España e Europa.