Saltar ao contido

A Axenda Urbana de Tui presentou a diagnose que da paso á redacción do plan de acción

  • Novas

O público puido puntuar cada unha das liñas de traballo para avaliar a importancia de cada una delas e establecer unha orde de prioridades

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quere agradecer a toda a cidadanía participante no acto de presentación da diagnose da Axenda Urbana de Tui a súa implicación e colaboración. O alcalde fai tamén extensivo o seu agradecemento a todas as persoas participantes nas mesas de traballo, nas entrevistas semiestruturadas e nas enquisas telefónicas realizadas no proceso de participación que permitíu presentar, agora, a análise DAFO de Tui.

“Estamos moi satisfeitos coa resposta das directivas dos diferentes colectivos e asociacións culturais, veciñais, de montes, deportivas, ecomónicas ou sociais que amosaron a súa implicación no deseño do futuro de Tui aportando a súa percepción e trasladando ao equipo da Axenda Urbana as súas inquedanzas”, explica o alcalde, Enrique Cabaleiro.

Ao longo dos últimos meses a cidadanía traballou en equipo coa Axenda Urbana para analizar as principais eivas e fortalezas e salientar os aspectos máis positivos así como aportar iniciativas ou ideas que foron recollidas na diagnose.

O equipo da Axenda Urbana resumíu, a un amplo público, os principais motores de forza cos que conta a cidade e que a fan singular e distinta respecto ao resto das da provincia e avanzou as dez liñas estratéxicas baixo as que agruparán o plan de acción. As e os participantes puideron puntuar cada unha das liñas de traballo para avaliar a importancia de cada una delas e establecer unha orde de prioridades.

A diagnose recolle a situación actual da localidade a través de datos, permitindo a comparación con outras realidades locais e coñecer os efectos da implementación da Axenda. Senta, ademais, a folla de ruta a seguir nos vindeiros dez anos ao recompilar un listado de actuacións de mellora en torno aos obxectivos da AUE (Axenda Urbana Española).

As entrevistas aos actores chave (grupos da Corporación, técnicos municipais e profesionais que interactúan co Concello) conclúen como indispensable traballar no estímulo da cooperación a nivel da Eurocidade para facer valer a centralidade do nodo Tui-Valença no contexto do Miño; consensuar ubicación de novos espazos de estacionamento, promover o contacto co tecido social para crear sinerxias que se veñen revelando como eficientes e de utilidade; elaborar unha estratexia turística que teña en conta os cambios recentes: pandemia, incremento de peso do Camiño Portugués,… ; revisión consensuada das futuras necesidades de investimentos no conxunto municipal (ante a ameaza de recesión económica, escasez de materiais, custes enerxéticos, …); debate e contactos co empresariado local para facer máis competitivos e atractivos o comercio, hostalería e restauración tudense.

Pola súa banda as parroquias coincidiron en salientar a necesidade de mellorar as conexións peonís e de seguridade vial entre os distintos núcleos; transporte público para conectarase co centro urbano, coas parroquias e cos concellos da área metropolitana, mellorar a conectividade a internet e telefonía móbil; actuar en estradas en mal estado; conexión ás redes de saneamento donde aínda non chega e investir na protección e mantenemento das estruturas municipais, camiños tradicionais e elementos etnográficos, entre outras cuestións.

No centro urbano a mellora das bolsas de aparcadoiro existentes e consenso para a apertura de novos espazos de estacionamento así como a revitalización do Conxunto Histórico (locais e vivendas) foron as principais demandas xunto as necesidades de accesibilidade, de fomento do comercio local e de apertura dos locais sen actividade, o prezo da vivenda e as bolsas de alugueiro para a mocidade.

Ao anterior súmase a petición de melloras na rede de equipamentos/infraestruturas deportivas e culturais e a simplificación de trámites burocráticos coas administracións.

Equipo da Axenda Urbana e as persoas participantes concluiron que Tui conta con fortalezas como un crecemento poboacional por enriba da media en núcleos de poboación similares en Galicia; unha situación estratéxica no Eixo Atlántico e na fronteira con Portugal, conectado a través dunha densa rede de comunicacións, unha importante riqueza en patrimonio cultural, natural e paisaxístico (Río Miño, Monte Aloia, Camiño de Santiago e Centro Histórico); a existencia de camiños tradicionais e sendeiros que conectan parroquias e centro urbano; un forte movemento asociacionista; o potencial do eixo entre o Monte Aloia e o Río Miño, ambos conectados por sendas verdes e azuis que atravesan todo o territorio; políticas públicas en materia de mitigación do Cambio Climático e de fomento de enerxías sostibles (Plan Forestal de Galicia cara a Neutralidade Carbónica 2021-2040) e a inclusión de Tui no Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, entre outras moitas.

En base a estas fortalezas e necesidades o equipo da Axenda Urbana, da man do goberno municipal, redactará o Plan de Acción da Axenda Urbana que contemplará iniciativas de carácter normativo, de investimento e de difusión para procurar un futuro sostible. Deste xeito, agruparán os proxectos que integrarán a estratexia de crecemento arredor dos dez eixos da Axenda Urbana Española ordenando o territorio e facendo un uso racional do solo; evitando a dispersión urbana e revitalizando a cidade existente; previndo e reducindo os impactos do cambio climático; facendo unha xestión sostible dos recursos; favorecendo a economía circular; favorecendo tamén a proximidade e a mobilidade sostible; fomentando a cohesión social e buscando sempre a equidade e impulsar a economía local … pero ademais garantindo o acceso á vivenda, fomentando a innovación dixital e mellorando os instrumentos de intervención e boa gobernanza.

A Axenda Urbana de Tui está financiada cos fondos europeos Next Generation e conta cunha páxina web propia da estratexia https://axendaurbanatui.gal/

Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.

Tui camiñará hacia un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).

Dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.