Saltar ao contido

Tui presenta o proxecto de recuperación do teatro principal ao PIREP

  • Novas

O alcalde Enrique Cabaleiro reuníuse co arquitecto César Portela para revisar o proxecto de recuperación que vén de ser remitido ao Ministerio para optar ao Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, reuníuse co arquiteco César Portela e coa arquitecta Ana Couto para impulsar o proxecto de recuperación do teatro principal. O equipo de César Portela actualizou o anteproxecto existente que opta ás axudas directas do PIREP (Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos).

O concello de Tui vén de presentar o proxecto de recuperación do teatro principal e este programa do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana que ten como obxectivo a rehabilitación sostible do parque público institucional de titularidade e uso público.

O proxecto do equipo de César Portela contempla unha actuación integral e responderá a criterios de sostibilidade, inclusión e calidade estética previstos pola Nova Bauhaus Europea e recollidos no PIREP e sempre baixo os parámetros permitidos por Patrimonio.

O goberno de Tui da así unha nova oportunidade a unha demanda histórica da cidadanía de Tui que, dende os anos 80 cando se redactaba a primeira proposta de reforma, agarda o respaldo e apoio das administracións para recobrar o seu esplendor.

«A recuperación do teatro opta aos fondos do PIREP e ao apoio de máis administracións coas que precisaremos traballar para acadar o total da financiación. A recuperación do teatro principal suporá un impulso para o casco vello e sumarase ás medidas que contemplará a Axenda Urbana para a dinamización do centro histórico”, sinalou o alcalde, Enrique Cabaleiro.

O PIREP contribúe á consecución dos obxectivos xerais da Política Palanca 1 “Agenda urbana y rural, lucha contra la despoblación y desarrollo de la agricultura” e, concretamente ao investimento 5, da Componente 2 do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia, denominada “Implementación de la Agenda Urbana Española: Plan de Rehabilitación y Regeneración Urbana”.