Saltar ao contido

O alcalde presenta a Axenda Urbana da cidade nun especial radiofónico aberto ao público

  • Novas

Acompañado do equipo de goberno, dos/das técnicos do equipo de redacción e de expertos/as urbanistas adiantará as liñas de acción da estratexia de crecemento da Axenda Urbana

Para chegar a toda a cidadanía posible o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, presentará a Axenda Urbana de Tui nun especial radiofónico aberto ao público. O encontro será este venres día 9 ás 12 horas na sala de exposicións do edificio Francisco Sánchez, antigua Área Panorámica.

As persoas que o desexen poderán asistir a este encontro radiofónico no que o alcalde adiantará as liñas de acción da Axenda Urbana acompañado do equipo de goberno, do urbanista e planificador de estratexias Luciano Alfaya, responsable da diagnose; Jesús Irisarri, arquitecto e profesor de proxecto na ETSA de A Coruña; María Ferreirós, arquitecta técnica responsable do ARI de Tui, Sonia Hernández, profesora de urbanismo na Politécnica de Madrid e redactora do contido da Axenda Urbana Española; Miriam García, profesora de urbanismo en Barcelona, experta en medioambiente e transformacións verdes, coautora da proposta gañadora para o fronte fluvial de Tui, e Antonio Paz, economista e redactor do Plan de Acción de Tui.

As persoas que desexen asistir deberán confirmar asistencia no correo electrónico tui@axendaurbana.gal ou deixar unha mensaxe de whatsapp no número de teléfono 606 810 518.

Neste espazo a través das ondas da Radio Municipal de Tui o alcalde trasladará a cidadanía os tres grandes retos da estratexia de crecemento dos vindeiros dez anos.

A Axenda Urbana de Tui está financiada cos fondos europeos Next Generation e conta cunha páxina web propia da estratexia https://axendaurbanatui.gal/

Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.

Tui camiñará hacia un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).

Dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.