Saltar ao contido

A veciñanza de Guillarei e Paramos reúnese co equipo da Axenda Urbana de Tui

  • Novas

Veciñas e veciños das parroquias de Guillarei e Paramos reuníronse co equipo da Axenda Urbana de Tui para trasladarlle as súas necesidades

As persoas da directiva das comunidades de montes veciñais en man común das parroquias de Guillarei e Paramos, representantes da asociación cultural Lembranzas, directivos/as do centro cultural de Guillarei e a dirección da banda de música de Guillarei reuníronse co equipo da Axenda Urbana de Tui para trasladarlles as súas necesidades, analizar o seu día a día e abordar o futuro das súas parroquias.

Deste xeito a Axenda Urbana de Tui avanza no seu proceso de participación que recalará mércores 15 de xuño na parroquia de Pazos de Reis donde se reunirá coa Entidade Menor e coa asociación cultural Aloia.

A veciñanza de Guillarei e Paramos demandou unha maior axilidade nas relacións coas administracións amosando o seu apoio á solicitude dunha ventanilla única na que poder trasladar solicitudes, peticións, demandas e todo tipo de xestións sen ter que tramitar en distintas dependencias e institucións.

Enriba da mesa tamén puxeron os problemas de conectividade e falla de cobertura, a necesidade dun transporte público que os conecte co centro urbano e o axeitado mantemento de camiños, valados e espazos públicos.

Pola súa parte Guillarei conversou co equipo da Axenda Urbana sobre a necesidade de dotar de pasos seguros determinadas zonas polas que pasa a vía do tren.
Paramos, pola súa banda, reclamou a reapertura da escola unitaria ante a demanda de nais e pais da parroquia e o crecente número de posible alumnado. Para a directiva da Comunidade de Montes en Man Común de Paramos a apertura da escola facilitaría a conciliación laboral e familiar, evitaría desprazamentos e daría vida á parroquia.

Co proceso de participación e a redacción da diagnose, o concello de Tui continúa a redacción da súa Axenda Urbana, documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos. Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.

O obxectivo do proceso participativo é redactar unha estratexia consensuada que marque dun xeito estudado e planificado o crecemento de Tui nos vindeiros dez anos.

O proceso de participación realizou tamén encontros con todos os voceiros/as dos grupos da Corporación, técnicos municipais e organizacións vencelladas xeográfica e políticamente con Tui. O primeiro paso desta Axenda Urbana é realizar unha análise profunda da situación actual para emitir unha diagnose que dará paso á redacción do plan de acción.

Tui camiñará hacia un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).

O alcalde Enrique Cabaleiro lembra que dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.